FESTA DA PALABRA

F E S T A  DA  P A L A B R A  nº 15 

silenciada  

 SIMONE DE BEAUVOIR: 

50 ANOS DE REVOLUCIÓN SEXUAL

Presentación:

     

A Festa da Palabra comprácese en dedicarlle este monográfico á obra de Simone de Beauvoir, O Segundo Sexo, o primeiro libro feminista deste século que marcou un fito no pensamento e na evolución das mulleres.

Cando este libro foi publicado, en España vivíase baixo a dictadura de Franco e as mulleres, esmagadas por unha lousa clerical e reaccionaria, estaban moi lonxe de ler e comprender os presupostos de Simone de Beauvoir. Este libro, que vén de ser publicado en español, e pronto sairá tamén en galego, chega, pois, con cincuenta anos de retraso para a maioría das mulleres do país. Mesmo así, a autora foi tan avanzada e tan lúcida, que moitos dos seus principios ideolóxicos son totalmente válidos na actualidade.

A obra é extensa e complexa, pero hai principios filosóficos básicos que a animan: o antiesencialismo e a antífise. Para a autora, a muller non nace, non ten, pois, ningún destino biolóxico. Nin mesmo o nome pode definilas. Cando utilizo a palabra muller ou feminino non me refiro, evidentemente, a ningún arquetipo, a ningunha esencia inmutable; na maior parte das miñas afirmacións hai que sobreentender"no estado actual da educación e dos costumes" Non se trata de enunciar verdades eternas, senón de describir o fondo común sobre o que se alza toda existencia feminina singular.

S.de B. é herdeira do feminismo ilustrado e racionalista. Non acredita na mulle, esa verdade eterna, senón na muller como resultado cultural, o cal nos permite evolucionar e transformarnos. Ademais, é ilustrada na medida en que se remite ao feminismo como movemento universal, lonxe do pensamento débil e fraccionario. S.B. no seu libro describe o fondo común sobre o que se alza toda existencia feminina singular. A liberación debe ser, pois, colectiva.

Razoa que a educación que se lles dá é a causa da tremenda dependencia e submisión na que se encontran as mulleres e da que é moi dificil saír. Encerran á muller nunha cociña ou nun tocador e asómbranse de que o seu horizonte estea limitado. Pero, se se lle abre o futuro, xa non estará obrigada a instalarse no presente. Porén, como as ilustradas, confía na educación para saír da subordinación.

Outro concepto fundamental da súa obra é a negación da concepción muller-natureza. Non hai destinos fisiolóxicos nin para o home nin para a muller. A humanidade é máis que unha especie: é un devir histórico. Nese devir, como S.B. pensaba e agora comprobamos, a liberación das mulleres xoga un rol fundamental.

Para profundar no pensamento de S.B. Festa da Palabra silenciada publica diversos traballos, non só de autoría galega, senón doutras do mundo como Francia, Holanda, Australia, etc.

                    María Xosé Queizán       

          

 

                          FEMINISTAS INDEPENDENTES GALEGAS, FIGA    FdaPs. ISSN 1139-4864

M.B.C.©17/08/01