|
FESTA DA PALABRA |
|
A
Festa da palabra silenciada
é unha revista
de cultura, producida por Feministas Independentes Galegas e dirixida por
María Xosé Queizán, que sae á luz no ano 1983 co propósito de sacar
da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento.
Ata o ano 1998 foi elaborada integramente por mulleres, desde o deseño e
maquetación, a realización, as colaboracións e o material gráfico. O
seu contido foise ampliando desde o seu comezo ata a actualidade, reflectindo,
por un lado, unha panorámica do pensamento feminista, sobre moi diversos
aspectos da realidade, e por outro, explorando desde unha óptica aberta e crítica
a literatura do noso país, incidindo na autoría feminina. A nómina de
colaboradoras (máis de 200), revela o labor de estímulo que a Festa supuxo
para as numerosas estudiosas do tema, así como o vigoroso impulso da literatura
feita por mulleres, asunto sen precedentes no estado español. Esta
defensa incondicional da escrita feminina interrómpese no número 14,
coincidindo tamén coa entrada de participación masculina na revista, ao
considerar que xa se estaba cumprindo a nosa aspiración de que as escritoras
deste país puideran gozar de máis espacio nos circuítos normais de difusión. Outra
característica da Festa é o seu
pluralismo cultural e lingüístico. Nas páxinas da revista teñen acceso as
escritoras doutras comunidades españolas: catalanas, vascas, asturianas, etc.,
pero tamén están representadas autoras portuguesas, francesas, italianas,
canadianas, chicanas, etc. As creacións son publicadas en idioma orixinal e en
galego, na procura dunha correcta comunicación. Deste xeito, a FPS, asume o
compromiso de difundir por todo o mundo a lingua e a cultura galegas, dando a coñecer
nos seus exemplares, estudios inéditos ata o momento. Desde o ano 1983, saen os
seguintes Monográficos, dedicados ás precursoras da literatura feminista Rosalía
de Castro e Emilia Pardo Bazán; máis adiante a escritoras máis
recentes como Francisca Herrera Garrido e Xohana Torres, Pura e
Dora Vázquez e María Mariño. Outra serie de títulos xiran en
torno a aspectos de interese social e político como Medios de Comunicación,
no que se analiza a imaxe da muller nos Media; Nenas, que fai unha
incursión na literatura infantil e no que participan as propias protagonistas; O
Erotismo, que indaga na transformación da muller en suxeito erótico; Colonialismo
e sexismo, onde se enfoca a discriminación sexual como unha manifestación
parella á xenofobia; O desafío de Antígona, A razón de fin de século,
que parte dun balance sobre os avances sociais resultantes do racionalismo
feminista. Outros monográficos estudian aspectos culturais e artísticos como:
as últimas tendencias na plástica con As novísimas pintoras Galegas; a
análise do panorama poético feminino, no I Encontro de poetas peninsulares
e das Illas de Vigo; e Arquitectura e urbanismo, onde se afonda na
distribución e interpretación xenérica dos espacios. O número
16
, en
preparación, recolle unha antoloxía de estudios e creación poética destes 18
anos. Esta etapa de acceso ás redes decidimos inagurala co monográfico de Simone de Beauvoir. Cincuenta anos de revolución sexual, unha homenaxe ao cincuentenario da publicación de O segundo sexo, unha proposta feminista da igualdade aínda por acadar na sociedade contemporánea.
nº15
|
|
FEMINISTAS INDEPENDENTES GALEGAS,
FIGA M.B.C.©17/08/01 |