Pertencente ó concello de Cenlle, está situada esta poboación á beira do río Miño, na aba do monte San Trocado, estremando coas parroquias de Razamonde, Eiras, Ourantes, A Barca de Barbantes, e, co río no medio, coas de Puga e Astariz.

ACCESOS:

- POR ESTRADA: Desde Ourense, pola A-52, saída en Barbantes, a 2 km pola N-120. Desde O Carballiño, no cruce de O Barbantiño, N-120 a tres km en dirección a Ribadavia. Desde Vigo, pola A-52 con saída en Ribadavia, e logo pola N-120 en dirección a Ourense, a oito km, ou ben saíndo en Barbantes, co recorrido antes indicado. Desde Ribadavia, pola N-120 ou pola A-52.
- POR FERROCARRIL: Estación de Barbantes.

HISTORIA:
    As fontes documentáis e a arqueoloxía permítennos afirmar que a zona de Laias estivo ocupada xa desde antes da chegada dos romanos. Para Marcelo Macías foi o municipio de Lais, famoso pola explotación de areas de ouro do Miño.
    Moi preto está o castro de San Cibrao das Lás e na propia parroquia atópase o xacemento arqueolóxico da Cova da Moura e de O Castelo, segundo Manuel Chamoso Lamas, centro mineiro de ouro explotado xa antes da ocupación romana. Tódolos manuais de Historia ubican erroneamente este xacemento en Barbantes.
    Ó longo de toda a Idade Media aparece mencionada esta poboación en moitos documentos como consecuencia das súas augas termais e de contar con un dos pasos máis importantes do río Miño a barca de Barbantes.
    Na época moderna deixou de pertencer á xurisdicción de Maside para integrarse no concello de Cenlle, experimentando un auxe importante ó construirse no lugar de A Barca de Barbantes a estación de ferrocarril de Barbantes.
    En 1954 a primitiva parroquia sepárase en dúas: a de Laias e a de A Barca (este lugar foi coñecido ó longo do século XX cos nomes de Barbantes e tamén co de Barbantes-Estación).

BALNEARIO
   Existen en Laias unhas augas termais posiblemente coñecidas xa en época romana e mesmo parece que o rei de León Vermudo II [morto no 999] usou con frecuencia para curarse da gota.
    Na actualidade estase a construír un novo complexo termal, que constará de estación termal, edificio residencial e hostal, todo elo á beira das augas do encoro de Castrelo de Miño.

FESTAS.
    Principais festas de Laias e o contorno. (Máis información na páxina de datos de interese)

PATRIMONIO CULTURAL, ETNOLÓXICO E ARTÍSTICO.
    Non é moi abondoso nin está coidado pero aínda ten variedade e certo interese, con restos da portada románica da vella igrexa parroquial, un cruceiro, escudos de armas, abondan os “pensos” dos vellos lagares, algúns cabaceiros, os restos do xacemento arqueolóxico de “A Cova da Moura” e hai amplas zonas da parroquia nas que se poden atopar restos romanos. Na igrexa nova consérvanse parcialmente uns retablos barrocos.

VISITAS CULTURAIS E DE LECER. 
    A propia parroquia e en maior medida os arredores ofrecen moitas posibilidades, tanto desde o punto de vista cultural, como do medio natural, contando con áreas recreativas, rutas de sendeirismo e zonas de baño.

 

[Principal] [Presentación] [Xeografía] [Historia] [Arqueoloxía] [Balneario] [Barca de Barbantes] [Datos de interese]