AS DANZAS FORNELAS  

                  - O Val de Fornela

                   - As danzas
                        * Aspectos comúns das catro danzas
                        * Simboloxía
                        * Rematando

                  - Fotos

  A información para a elboración deste pequeno traballo saqueina do libro (que vos recomendo) "El Valle de Fornela" de Salomé Ramón Gurdiel, de moitas conversas coa xente do val e da miña propia experiencia.
 

O VAL DE FORNELA.                                                                

        O Val de Fornela está situado no norte de O Bierzo, facendo fronteira cos

concellos asturianos de Ibias e Degaña e limita tamén coa comarca

galego-berciana de Ancares.

        O eixo principal do val é o río Cúa, que o percorre de norte a sur, encaixado

entre altas montañas que rondan os 2 000 m. É ó redor deste río onde se asentan

os núcleos de poboación que compoñen o val. Estes son : Fresnedelo, Faro,

Cariseda,  Peranzais (capital do concello, oficialmente "Peranzanes"), Trascastro,

Chao (oficialmente "Chano", no que se inclúe o barrio de Prao) e Guímara. 

(mapa de estradas para chegardes ata Fornela)
 

  Vista de Guímara subindo ó Botete
 
            A poboación adicouse secularmente ó comercio ambulante, debido a que o

chan é pouco axeitado para a agricultura ou como apunta algún historiador, a que

foi neste val onde se refuxiaron os xudeus expulsos na Idade Media do barrio de

Sta. Isabel da capital leonesa, e que continuarían exercendo como puideron o seu

oficio de mercaderes, transmitíndoo ás seguintes xeracións. Neste século tivo

tamén grande importancia o traballo na minería na veciña localidade de Fabeiro.

         Actualmente o val atópase practicamente deshabitado, agás nos meses de

verán no que se volve a encher de xente, principalmente emigrantes que voltan

ás súas casas nas vacacións. Sen embargo, é asombroso observar o apego

desta xente á terra que os viu nacer (ou que xa só viu nacer ós seus pais) e ás

súas tradicións seculares, moitas delas conservadas e revitalizadas ano tras ano,

aínda que só se dispoña para facelo do tempo de vacacións no que todos se

xuntan outra vez en Fornela.
 
 
 

- AS DANZAS                                                     
 
 
 Son, sen lugar a dúbidas, a tradición fornela mellor conservada, o símbolo de

identificación por excelencia desta terra, e un dos maiores motivos de orgullo

para os seus habitantes. Mantivéronse ata os nosos días, sen modificacións

importantes, as danzas de Guímara, Chao, Peranzais e Trascastro.

         Os de Peranzais e Chao danzan os días 15 e 16 de agosto respecticamente,

no santuario da Virxe de Trascastro. Os de Guímara tamén danzaron en

Trascastro ata o ano 1877, e deixaron de facelo por lles ter vendido os dereitos

ós de Chao por dúas "cañadas" de viño; desde aquela, danzan na honra do seu

patrón San Bartolo (danzan tres días, o 24 de agosto e os anteriores ou

posteriores a este nos que haxa festa). Os de Trascastro danzaban

tradicionalmente na súa aldea con motivo da celebración do Cristo (7 de

setembro); desde o ano 1997 danzan o día 17 de agosto tamén no santuario de

Trascastro. Este cambio supuxo bastantes conflictos entre os de Chao-Peranzais

(únicos con dereito recoñecido a danzar no Santuario de Trascastro) e os do

propio Trascastro, que vían perigar o futuro da súa danza pois en setembro

apenas quedan veciños para facela. Despois de varios días de asembleas

veciñais nas tres aldeas, coa arbitraxe do alcalde e do bispo de Astorga

chegaron finalmente a un acordo, deixándoselles danzar ós de Trascastro .

Estes feitos poñen de relevancia a grandísima importancia que se lles dá

nestas terras ós usos e costumes herdados dos antepasados así como a forza

coa que se vive a representación das danzas. Antigamente eran bastante

frecuentes os alborotos na romaría da Virxe de Trascastro. Un exemplo é o da

proclamación da "raíña do campo": o primeiro día da romaría os veciños de Chao

e Peranzais levan as virxes ó santuario de Trascastro e o último día vólvenas

recoller. As virxes saen por distintas portas e a última en abandonar o campo do

santario é considerada a "raíña". Este feito era motivo de enfrontamentos entre os

veciños das dúas aldeas que querían ser os últimos en sairen do santuario.

Actualmente, chegouse a un acordo pacífico e cada ano unha das virxes sae a

última e é, por tanto, a "raíña do campo" ata o ano seguinte.
 
 

Aspectos comúns das catro danzas                                                             

         As danzas compóñenas tradicionalmente homes solteiros. Só no caso de

Guímara se incluíron recentemente mulleres (non sen certa polémica). O número

de danzantes pode ser de oito (o mínimo necesario) ou de doce (o máximo). Nos

últimos anos sempre se fixeron danzas de doce en todas as aldeas. Ós

danzantes propiamente ditos hai que lles engadir dous "chaconeiros" (case

sempre homes casados ou de maior idade) e dous nenos que fan a función de

"palilleiros". En Guímara tamén hai un cativo que fai a función de "augador oficial".

         Dentro da danza existen catro tipos de danzantes con diferentes funcións: os

xuíces, os guías, os segundas e os panzas.

         Hai dous xuíces, o xuíz primeira e o xuíz segunda. Sitúanse un fronte ó outro e

portan bandeira durante a execución da danza. O xuíz primeira (ou xuíz a secas) é

o que manda na danza. En caso de incumprimento de normas impón os castigos

(normalmente multas de tipo económico, aínda que isto está bastante en desuso).

Estas sancións son (ou eran) irrevocables. Segundo algunhas teorías que ven

nas danzas un simbolismo da defensa da relixión, o xuíz sería o representante da

Igrexa, e polo tanto o símbolo a defender.

         Os guías son tamén dous e como indica o seu nome guían a danza. Colócanse

nos extremos opostos ós xuíces. Tamén levan bandeira.

         Os segundas son catro danzantes que se  colocan ó lado dos xuíces e dos

guías. Segundo a posición que ocupen chámanse segunda primeira, segunda

segunda, segunda terceira e segunda cuarta.

         Os catro panzas van no centro da danza. Os rapaces que se incorporan por

primeiro ano á danza ocupan sempre esta posición, por ser onde menos

movementos se realizan e polo tanto os postos de menor dificultade. Os panzas

son os encargados de realizar os recados, os que primeiro se levantan para

danzaren e para os ensaios, os que preparan o almorzo e os que espertan ó xuíz

primeira. Débense deitar os días previos á danza á hora que o xuíz lles poña, etc...

Na realidade actualmente todas estas tarefas dos panzas están caendo en

desuso, dado que os xuíces xa non son tan esixentes como antano.

         Os dous chaconeiros encárganse de manter a orde dentro e fora da danza.

Ábrenlle camiño entre a xente e se alguén interrompe a súa execución fan uso

das súas trallas. Poderíamos dicir que son a "policía" da danza.

         Os palilleiros son os que colocan os "palillos" ó lado dos danzantes e os que

os recollen cando se lanzan. En Guímara, o "augador" é o que lle serve a auga e o

viño ós danzantes antes de comezar coa parte dos "palillos".

 

Formación inicial das danzas. (J - xuíz, S - segunda, P - panza, Ch -  chaconeiro, Pl - palilleiro)

         Podemos dividir a danza en partes atendendo ós pasos que se executan ou

ben ós instrumentos que empregan os danzantes.

         Os instrumentos empregados polos danzantes son na primeira parte

castañolas e catro bandeiras que portan os guías e xuíces. (En Trascastro todos

os danzantes levan bandeira).  Na segunda parte deixan as bandeiras e todos

collen os paos ("palillos"). Aínda que nesta parte tamén levan as castañolas, non

as tocan. Para remataren, lanzan os palillos e volven coller as bandeiras e tocar

as castañolas.

         En canto ós pasos que se realizan, a estructura é máis comprexa. Existe un

paso para "andar", executado durante a procesión, na subida a Trascastro desde

Peranzais, etc... Son os chamados "careos", que poden ser simples ou dobres

dependendo da importancia do momento. Por exemplo: os de Peranzais soben

danzando desde a súa Igrexa ó santuario de Trascastro con careo simple, pero

cando chegan á "Casa Grande" de Trascastro (cerca xa do santuario) cambian a

careo dobre.

         Outro paso é a "venia". Realízase como sinal de respecto ó se iniciar a danza, ó

rematala, no interior das igrexas, etc.. Consiste nunha pequena inclinación do

corpo mentres se flexionan lixeiramente as pernas.

         Despois das venias pásase ó paseo dos guías (a excepción de en Guímara). É

unha parte lenta e solemne naque se pasean as bandeiras dos guías e xuíces

entre os danzantes.

         A continuación execútanse unha serie de pasos (que constitúen o verdadeiro

corpo da danza) e que varían dunha aldea a outra ainda que dun xeito ou doutro,

con ou sen cruces entre os danzantes, sempre se pasa de formar filas paralelas a

X e de X a filas. As filas vanse formando cada vez nunha das orientacións,

despois de completar un conxunto de pasos que os sitúan fronte a un novo punto

cardinal fórmase unha "calle", é dicir, detéñense os danzantes un par de

segundos en dúas liñas paralelas mentras pasan por esa "calle" de danzantes os

dous chaconeiros dando grandes brincos. Despois de catro "calles" remata

esta parte da danza.

         Ó remataren esta parte os danzantes refréscanse con algo de auga ou viño

(mantendo a formación da danza) e convídase así mesmo ó público, que o

agradece coa "vontade" que bota nos sombreiros dos chaconeiros. Mentres, os

palilleiros colocan os paus ó lado dos danzantes e recollen as bandeiras para a

danza de "palillos".

         Na parte dos palillos realízase unha soa "calle" cun paso máis simple e lento

có da parte anterior. Os danzantes van levando o ritmo golpeando os paos un

contra outro e en ocasións cos dos compañeiros. Para finalizaren esta parte

forman a calle, lanzan ó aire os "palillos" e volven tocar as castañolas e mudar o

paso. É este un dos momentos álxidos da danza.

         A partir de aquí as danzas varían moito en cada aldea. En Guímara fan careos e

venias ós catro puntos cardinais, fórman a torre e rematan; en Peranzais fan os

"correcalles", en Chao tamén fan varias torres, en Trascastro o "caracol", etc...

Sería demasiado complicado e longo  de explicar aquí todos os matices e pasos e

"figuras" de cada unha das danzas, pero se queredes máis información podedes

pedirma.
 

         En canto ó acompañamento musical das danzas é simple pero fundamental.

Todo corre a cargo do "tamboriteiro", que toca a un tempo o "xipro" (frauta de

madeira que se toca cunha soa man) e o tamboril (que toca coa outra). As

melodías das danzas (moi semellantes entre elas pero cada unha diferente) son

moi repetitivas, aspecto característico da maioría destas manifestacións

tradicionais.

         Durante a execución da danza é importante o silencio do público, pois é o

tamboriteiro o que indica o cambio de pasos cuns pitidos máis fortes do xipro.

Este silencio crébase na formación das "calles" cando o público rompe a aplaudir

apaixonadamente, lanzando vivas e en Guímara tamén con "turulidos" (aturuxos),

maxistralmente executados por Ofelia e Adela.
 
 

 * Simboloxía                                                                         

        En canto á simboloxía das danzas, Salomé Ramón sostén que teñen relación

co terrestre e o celeste, e cos números catro, oito e doce. O número catro

relaciónase cos elementos que compoñen o universo (aire, terra, auga e lume), as

estacións, os puntos cardinais e o cadrado (símbolo da terra). O número oito

simbolizaría o octógono, paso intermedio entre o cadrado (terrestre) e o círculo

(símbolo celeste). Simboliza a rexeneración da vida. O número doce conéctase

cos meses do ano e os signos do zodíaco. Símbolo da orde cósmica serían as

liñas paralelas e pode que por iso se volvan formar sempre despois da execución

doutros pasos. Polo tanto estas danzas indicarían un cambio continuo do

universo e ó mesmo tempo a súa inmutabilidade.

         Tampouco se pode descartar que o uso de palillos, e a simulación de loita que

realizan os   danzantes coas súas parellas, teña unha orixe guerreira, ou quizáis

sexa máis axeitado pensar nunha mistura de ambas hipóteses, perfectamente

compatibles.
 
 

 * Rematando                                                                           

         Resulta imposible transmitir con palabras o ambiente con que se vive a

execución de calquera das danzas. É indispensable velas. Aproveitade que

durantes eses días de festa se permite a acampada libre en zonas de Chao e

Guímara (rodeados dunha paisaxe incomparable de alta montaña) e vide pasar

uns días de festa a Fornela (as de máis sona festeira son as do San Bartolo en

Guímara, as de carácter máis relixioso as da Virxe de Trascastro) e de paso

aproveitades para gozar destas tradicións que se conservan e viven

cunha forza extraordinaria.
 
 
 

                                                                                                 Uxío Cerecedo
                                                                                      (Xuíz Primeira da Danza de Guímara)

    - FOTOS                                                 
 
 

                                * Fotos das danzas
 
                                                * Fotos de xentes e paisaxes