—¡Ola! -berrou Teo, baixando do seu burro.
—¡Ola! - respondeu unha voz dende a outra beira do río, e
outro rapaz baixou do seu burro.
—¿Cómo te chamas? - preguntou Teo.
—Dimitri - dixo o outro - ¿E ti?
—Teo - contestou o primeiro.
Os dous rapaces miráronse. ¡Que pena non poderen xogar
xuntos! A vila de Teo estaba a unha beira do río e a de Dimitri á outra. Os
habitantes das dúas vilas nunca se atoparan porque o río era moi ancho.
—Teo - chamou Dimitri -. Gustaríame que houbese unha ponte
sobre o río. Así ti poderías vir á miña casa e montar no meu burro.
—E ti poderías montar no meu - respondeu Teo-. Pero,
¿cómo poderemos construír unha ponte?
—Preguntareille a meu pai - dixo Dimitri -. Meu pai é o
alcalde da nosa vila.
—E o meu é o alcalde da nosa - dixo Teo-. El saberá o que
hai que facer.
—Ata mañá - berrou Dimitri.
—Ata mañá - respondeu Teo. E os dous rapaces montaron nos
seus burricos e regresaron á casa.
O pai de Teo levaba unha longa túnica vermella e unha gran
medalla cunha cadea de ouro arredor do colo, que non se quitaba nin para durmir,
por se en plena noite tiña que tratar algún asunto urxente.
Teo faloulle da ponte a seu pai e seu pai dixo: «¡Hum!».
Despois reuniu ós habitantes da vila e expúxolles a idea. Todos ficaron un
momento pensativos e despois dixeron: «¡Hum!»
- ¿Decátaste de que os maiores sempre dicen «Hum» cando
pensan? -comentou Teo ao seu burro-. Non comprendo como esta palabriña pode
significar tantas cousas.
Pero o burro non dixo nada porque estaba moi ocupado comendo
un cardo.
Teo acompañou a seu pai e a outros habitantes da vila ata o
río. Na outra beira viron a Dimitri e a unha morea de xente que lles acenaban e
saudaban:
- ¡Eh! ¡Ola! ¡Eh! ¡Ola!
Cando todo o mundo calou, o pai de Teo deu uns pasos cara adiante e dixo:
—¿Qué vos parece a idea de construír unha ponte?
A súa voz soou poderosa á outra beira do río.
Alí o pai de Dimitri adiantouse tamén uns pasos e,
poñéndose nos bicos dos pés para semellar máis alto, berrou:
—Iso é precisamente o que eu lle ía preguntar. Fagámolo axiña.
Durante varios días os homes non fixeron outra cousa que
cortar árbores. Estaban tan entusiasmados co que facían que non se sentían
cansos.
Á fin houbo árbores dabondo, coidadosamente amoreadas en
ámbalas dúas beiras do río, para empezar a ponte. Aínda que todo o mundo
traballaba en firme, tardaron un ano en rematala. Cando estivo solidamente
fixada a derradeira táboa, os traballadores retiráronse un pouco para admirar
a súa obra. Estaban impresionados polo grande e forte que parecía a ponte. No
medio colocouse unha enorme placa de ouro, que dicía con grosos
caracteres:»Esta ponte foi construida sobre a amizade e a boa vontade».
Teo non puido agardar. Dun chouto montou no seu burro e dixo:
—Vou cruzar ó outro lado.
Dimitri fixo o mesmo e os dous amigos atopáronse no medio da
ponte. ¡Por fin podían falar sen necesidade de dar voces!
O pai de Teo dirixiuse andando cara ó centro da ponte, e o
pai de Dimitri fixo o mesmo. Cando estiveron xuntos déronse un apretón de
mans.
Despois, de súpeto, todo o mundo correu cara á ponte, rindo
e saudando por primeira vez ós seus veciños. Todos estaban de acordo en que a
ponte era algo realmente marabilloso.
Dende entón, Teo ía tódolos días xantar a casa de Dimitri
e Dimitri ía merendar á de Teo. Montaban o un no burrico do outro, percorrendo
arriba e abaixo as dúas beiras do río. ¡Nunca o pasaran tan ben!
Pero unha mañá Dimitri espertou ó oír un gran balbordo na
rúa. Á noite, alguén do outro lado do río roubara ao granxeiro Baltasar o
seu mellor nabo. Dimitri vestiuse a fume de carozo pero seu pai prohibiulle
achegarse á ponte.
—Nós non queremos nada con ladróns e salteadores - dixo,
e ordenou a Dimitri que quedase na casa.
Mentras tanto, Teo e o seu burro agardaba ós seus amigos, extrañándose de
que non aparecesen e preguntándose o que pasaría. Pero aquel día ninguén
cruzou a ponte.
Aquela mesma noite dous homes da vila de Dimitri atravesaron
a ponte na procura do nabo de Baltasar. Non o atoparon e, en vinganza, levaron
canda eles a mellor cabaza do granxeiro Xenaro.
Ó día seguinte, os habitantes das dúas vilas estaban
furiosos.
—Derrubemos a ponte -berraban e, cando chegaron a ela,
ficaron mirándose con caras de poucos amigos.
—Devolvédeme o meu nabo - berraba o granxeiro Baltasar.
—E vós devolvédeme a miña cabaza -reclamaba o granxeiro
Xenaro.
—¡Narigón! -insultou alguén.
—¡Gordinflón! - respondeu outro.
—¡Toma! -berrou un terceiro.
¡Uff, oh, agg, bam, plaf, plof, zas, pim, pam! No medio da
ponte armouse unha tremenda liorta.
Teo, Dimitri e os dous burros observaban tristes a escea. A
pelexa durou varios días e varias noites, ata que pouco a pouco a xente se foi
retirando ás súas casas para curar mazaduras e feridas.
—¡Derrubemos a ponte! -berrou o pai de Teo. E o pai de
Dimitri berrou á súa vez:
—¡Abaixo a ponte!
Pero a ponte fora construída a conciencia e, por moito que
fixeron, non puideron destruíla.
¡Estaba edificada sobre a amizade e a boa vontade!
Entón pecharon a ponte con arames de pugas e quedou
terminantemente prohibido que ninguén se achegase a ela.
Teo e Dimitri estaban confusos e tristes, pero seguían
decididos a xogar xuntos. Así que baixaron ata a ponte.
Pero apenas podían verse por culpa do arame.
Entón deixaron a ponte e fóronse cada un pola súa beira
río abaixo.
—Cando sexamos maiores, quitaremos o arame e volveremos
abrir a ponte - berrou Teo.
—E non rifaremos máis - dixo Dimitri-. Viviremos en paz
como bos amigos.
O burro de Teo sorriu.
—Sería estupendo -pensou-. Así podería comer outro dos
saborosos nabos do granxeiro Baltasar....
Ralph Steadman
Edit. Miñón